Criado por Kalandraka UDC
mais de 2 anos atrás
|
||
Memorias dun neno do antigo réxime. Creado por Álvaro Yáñez Lorenzo. 23 de novembro de 1789 Non sei se nalgún momento alguén lerá as miñas humildes palabras, pero necesito que as xentes de fóra coñezan o que está pasando nas terras da miña familia. Meu nome é Xan Zapatero, porque os meus avós dedicábanse ao oficio dos zapatos, sempre das xentes ricas e nobres. Teño 11 anos, e traballo coa miña familia dende que teño memoria na leira coruñesa de Don Rodrigo Pillo do Campo Sequillo, o noso señor feudal. Teño 2 irmáns e 3 irmás, mais non sei ata cando xa que a pobre Lucía leva máis de 5 días deitada na cama cunhas febres fulminantes. Xa nin bebe nin come, e no momento en que consegue tomar algo o devolve de novo. Tocoume a min ademais labra-la pataca e recoller os pexegos da parte do terreo no que traballaba a miña irmá. Todos traballamos de sol a sol, sen descanso ningún, mais esta é a mellor vida a que un simple labrego como eu pode aspirar, supoño.
25 de novembro de 1789 Están a caer xa os ourizos dos castiñeiros da terra de mancomún. Creo que hoxe vainos tocar subir ó monte cos nosos veciños a recolle-la castaña para o gando. Xa era hora, que os porquiños a este paso tampouco ían aguantar moito máis. A ver se atopo ao fillo dos Vázquez, así cando menos podemos aproveitar e contarnos as nosas penas. Xa está comezando a brillar o sol, así que non quedará moito para a miña saída monte arriba. Agardo que a castaña estea algo mellor que o ano pasado, que se non imos ter que comelas nós e darlle parte do gran ao gando para que aguante uns meses máis antes da matanza, mais a Don Rodrigo de seguro non lle vai parecer ben, como nada do que facemos ultimamente. 26 de novembro de 1789 Que decepción. Outra vez quedamos a penas sen castañas por ir recollelas varios días tarde. Podreceron case todas. Por que non nos din os señores de ir por elas antes? Parece mentira, sempre nos din de recollelas o mesmo día todos os anos, pero o tempo nunca é o mesmo. Habería que ir uns anos algo antes, e outros algo despois. Semella case que os cartos non axudan moito á intelixencia. Tocoume tamén hoxe falarlle deste incidente a Don Rodrigo, o que non lle gustou nin un pelo de chibo. Acabei con non sei cantas labazadas encima, e aínda por riba díxome que imos ter que pagarlle, por todo isto, o dobre dos foros que xa pagamos todos os anos. Coma se sobrase colleita, é incrible. Para eles somos o peor do mundo, ata os problemas da natureza son culpa dos labregos. Vai tocar facer aínda máis traballo extra para poder comer. Agardo que cando pase esta mala época poida conseguir máis folgos para continuar estas memorias.
18 de xaneiro de 1790 Fai pouco que chegou o inverno, terrible inverno, mais non está a xear moito. Puidemos recoller as últimas patacas fai pouco, pero malia ter unha colleita máis ou menos boa, Don Rodrigo quedou case coa metade, aínda máis do que me dixo que nos ía quitar. En vez de morrer de fame, imos morrer de inxustiza. A boa noticia é que Lucía mellorou. Perdeu tanto peso que non parece xa a miña irmá, pero conseguiu volver ao traballo, que é o importante, supoño. Grazas a iso podo volver dedicar un pouco do meu día a seguir contándovos a miña humilde vida. Agora xa non queda moito que facer na leira ata que pase este frío, pero a familia ten que comer dalgún xeito. Cunha parte dos cartos que sacamos de vender unhas cantas libras de patacas, comprou a miña nai uns fíos na praza para face-los lenzos, así que en canto as miñas irmás terminen de tecer iremos á praza a vendelos, a ver se aparece algún home de cartos. 8 de marzo de 1790 Xa rematou a venda dos lenzos, e cada vez o sol amosa saír máis forte. Supoño que estaremos xa preto da primavera, que ademais Don Rodrigo nos mandou sementar o millo fai pouco. A familia segue ben, que non adoita ser o normal despois do inverno. Agora todo vai comezar de novo, e unha vez rematemos a colleita do millo volveremos ás patacas. E isto é así, xente. A miña vida semella un reloxo que, malia que pasen os anos, nunca se retrasa en dar sempre a mesma hora. Malia todo, unha cousa se di que, de ser verdade, ao mellor consigo romper este maldito reloxo. Disque os pobos franceses uniron as súas forzas e, cansados xa de case non poder comer, comeron entre todos á raíña mala. A ver se un ano destes veñen por aquí e fan o mesmo con Don Rodrigo, que de aturalo tanto vou rematar facéndoo eu mesmo.
Quer criar suas próprias Notas gratuitas com a GoConqr? Saiba mais.